
O Consello da Cultura vén de editar o volume colectivo «Saber de Nós»
11 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Un grupo de estudantes idealistas e comprometidos, ao abeiro da universidade, puxeron en marcha en 1923 unha aventura científica, política e artística: o Seminario de Estudos Galegos (SEG). Non eran conscientes da importancia que acadaría aquel proxecto, cuxo valor na comparación con entidades análogas e pola relevancia do seu legado aborda o volume colectivo que vén de editar o Consello da Cultura Galega (CCG), Saber de Nós. O Seminario de Estudos Galegos. «É unha obra que ofrece olladas que se cruzan para facer balance e pór en valor o que foi construíndo», adiantou a presidenta da institución, Rosario Álvarez, nunha presentación pública na que participaron os dous editores, Henrique Monteagudo e Ramón Villares, mais colaboradores como Alfonso Mato e Francisco Díaz-Fierros.
Detrás de Saber de Nós —que xa se pode descargar desde a web do CCG— hai vinte autores que asinan outros tantos artigos que se estruturan en dúas partes cuxos materiais proveñen de dous congresos celebrados e promovidos polo CCG no 2023, co gallo da conmemoración do centenario da creación do SEG. A primeira recolle os traballos sobre o propio seminario, mentres que a segunda compárao coas institución que máis ou menos paralelas xurdiron na Península nas primeiras décadas do século XX, detalla o Consello da Cultura.
«A denominación do Seminario de Estudos Galegos evocaba unha maneira nova de traballar desde a universidade que puña o acento no traballo colaborativo», apuntou Monteagudo. Non só supuxo esa mímese do que se introducira na reforma das universidades en Alemaña no século XIX que pretendía superar a educación memorística co modelo tradicional de lección maxistral impulsando o debate en grupos reducidos, dirixidos por un profesor co que o alumnado mantiña unha relación directa. O SEG, segundo Monteagudo, alentou «unha visión orgánica do país e tamén a primeira vez que se empregaba inequivocamente o galego».

O novo espírito deste seminario foi estudado por Ramón Villares; o contexto histórico por Justo Beramendi —falecido o pasado xullo, ao que lembraron no marco da presentación—. Da relación do SEG coas institucións públicas do momento trata Alfonso Mato no seu artigo, mentres que Uxío-Breogán Diéguez abordou a súa conexión co nacionalismo galego. Xerardo Pereiro deitou a ollada sobre as identidades galegas a partir dos discursos do seminario; mentres que Óscar Penín e Susana Reboreda poñen o acento no rol que xogaron na arqueoloxía. Díaz-Feirros analizou as ciencias no seminario.
O volume dá conta da súa importancia que, malia a súa fraqueza económica, acadaron os seus plans de traballo, que, xunto coa incesante difusión dos seus resultados, foron lexitimando a súa actividade. Esas innovadoras actividades son as que analiza María Xesús Fortes Alén no seu estudo. Pilar García Negro repara na visión política de Galicia no anteproxecto de Estatuto de Autonomía que elaboraron. Sobre as entidades que acolleron o seu legado (nomeadamente o Instituto de Estudos Gallegos Padre Sarmiento e o Museo do Pobo Galego) falaron Miguel Anxo Seixas Seoane, Eduardo Pardo de Guevara e María Xosé Fernández Cerviño. «Tivo unha vida breve, só trece anos, foi moi precario e non chegou a desenvolver todos os seus ámbitos», matizou Monteagudo.
O Seminario en clave comparada
A segunda parte, da que se encargou Ramón Villares, pon en contexto o SEG con outras institucións de alta cultura que existiron na península. «Durou só trece anos, pero deixou un pouso ético na tradición e a cultura galegas», apuntou Villares que destacou a súa vinculación coa universidade, na que nace pero da que ten completa independencia. «Foi unha ruptura cultural porque mudou as formas de ensino e de investigar, que abandonaron o memorialismo para optar por outros camiños», incidiu.
Esta visión é a que analiza no seu artigo, que está acompañado do traballo doutros autores, encamiñados a detallar o devalar doutras institucións análogas, sinala o Consello da Cultura. Borja de Riquer Permanyer afonda no Institut d’Estudis Catalans, creado en Barcelona en 1907. Da Eusko Ikaskuntza-Sociedad de Estudios Vascos, fundada en San Sebastián en 1918, fala Idoia Estornés Zubizarreta; e Javier Moreno fai o estudo sobre o Centro de Estudios Históricos, que funcionou en Madrid, entre 1907 e 1939, e da Junta para Ampliación de Estudos. Da entidade fundada en Portugal, a Sociedade Martins Sarmento, dá conta Antonio Ferreira.