Mercedes González, candidata de Sumar en Ourense: «Imos ser determinantes tanto na costa como no interior»

OURENSE

A cabeza de lista de Yolanda Díaz na provincia ve «perigoso» que o PP perda a maioría e DO sexa chave: «Seguiríamos ancorados no pasado»
10 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Do ano 1968, «un máis que Marta Lois», Mercedes González é a candidata de Sumar na provincia de Ourense.
—As eleccións colleron a Sumar aínda en construción. Chegou este movemento para quedarse?
—Por suposto, se algo nos determinou a que isto tivera continuidade foi precisamente a cantidade de votos que se obtiveron nesta provincia en xullo de 2023, cando eramos catro gatos os que fixemos a campaña. Recordo o bo roio da xente cando te vían que levabas o colgante de Sumar, a cara de Yolanda Díaz, que é o que vende, a nosa figura máis relevante. Foron máis de 9.000 votos. Vale que se separou a última hora Podemos, pero con todo cremos que Sumar ten un amplo espectro entre BNG e PSOE. Todas as estatísticas nos demostran que en Galicia, e especialmente nas autonómicas, hai unha abstención bestial e entendemos que hai que darlle unha volta a iso.
—Sumar ten unha implantación máis urbana. A que aspiran en Ourense?
—A posibilitar que a xente vote. Sería moi triste e moi desesperanzador que non puideran meter a papeleta que eles queren. Aínda sabendo que Sumar pode ter máis apoios nas cidades grandes iso non evita que as dúas provincias do interior sexamos as que estamos máis depauperadas e esquecidas. Sumar veu para expandir, para ampliar, e imos ser determinantes igual na costa que no interior. E a suma de esquerda sabemos so pode ser posibilista de cambio na Xunta se aglutina os votos de ata tres partidos. O BNG crecerá e por suposto sería marabilloso conseguir unha presidenta muller, pero o realmente empoderador para as mulleres en Galicia é saber que haberá tres partidos que conflúen e que van facer políticas progresistas.
—Sendo difícil, como é, obter representación, teme as chamadas ao voto útil doutros partidos?
—Cando un voto é útil? Para min o voto útil é cando unha persoa voluntaria e libremente exerce o seu dereito a votar. O que me horroriza é que a xente quede na casa. O que si sería perigoso é que o PP poida perder a maioría, pero que Democracia Ourensana sexa chave. Seguiríamos ancorados no pasado e non sei se a xente de Ourense estará moi contenta coas políticas festeiras, pero regresivas deste alcalde.
—Vostede dixo que esta é unha provincia caciquil e conservadora. Como se cambia iso?
—Ao meu entender, o alcalde que tedes é unha persoa que exerce un liberalismo puro e duro. Perdestes en cultura, en redes sociais, en axuda a quen menos ten, en educación... Iso demostra que a palabra solidariedade non a ten no seu ADN, esa é a política neoliberal. E en Sumar temos ideas estrela sobre a volta que hai que darlle aos coidados. Sabemos que somos unha provincia moi envellecida e a Xunta nunca apostou por microrresidencias públicas. Nós defendemos a interxeneracionalidade, onde maiores e pequenos de cero a tres anos poidan confluír, como ocorre nos países nórdicos. E, en materia de sanidade, apostamos polo reforzamento da atención primaria, que está desbordada.
—Que prioridades ten para Ourense o programa de Sumar?
—As infraestruturas son primordiais. Hai que posibilitar, cos mecanismos que sexa, que os servizos de cercanías do tren volvan funcionar. A xente dos pobos non ten que pagar un taxi, coas pensións tan pequenas que hai, para ira un centro administrativo ou a un hospital. Unha das nosas medida estrela son tamén os taxis ecolóxicos. E defendemos o emprego verde, que aquí en T-Solar tedes un moi bo exemplo. No seu día foi regalada e agora ten un valor engadido impresionante.