
Coñezo o traballo calado e xeneroso de xente que leva anos axudando a persoas sirias que foxen da guerra no seu país e baten sempre con fronteiras físicas e burocráticas. Todos lembramos a crise de refuxiados do ano 2015 e as duras críticas ás que Angela Merkel tivo que se enfrontar por lle abrir as portas a máis dun millón de solicitantes de asilo procedentes de Oriente Medio e Asia a través de Turquía. Hoxe, por sorte, o pobo ucraíno ten dereito a entrar en Europa sen visado e acollerse a esta enxurrada de solidariedade que nos reconforta e, asemade, ergue en nós preguntas tan evidentes como se nesta medida de apertura tomada por unanimidade no seo da Unión Europea pode haber algún tipo de discriminación por motivos de raza, relixión ou doutra índole con respecto a situacións semellantes. Non hai dúbida de que a proximidade xeográfica xoga a favor de Ucraína, que é un país europeo malia estar, de momento, fóra da Unión. É certo que hai certa afinidade social e cultural que converte o refuxiado ucraíno non nunha ameaza, senón na imaxe de volta dun espello no que poderíamos estar calquera de nós. Tampouco se pode comparar o perigo de saída do seu país cos casos procedentes de Siria, Yemen ou Afganistán, onde hai mar de por medio e mafias que non van en taxi. Agora ben, consciente de que inflúe moito ser rico ou pobre, branco ou negro, cristián ou musulmán (un refuxiado sirio tamén é preferido a un afgán), sospeito que este marabilloso pulo fraternal e de solidariedade co pobo ucraíno xorde da boa vontade das persoas dispostas a acoller, pero tamén da importante cobertura dos medios de comunicación españois desprazados na zona que, se cadra, están a nos axudar a ver o noso propio medo.