Temos unha boa oportunidade para crear unha política nova que se encare cos graves e urxentes problemas que temos pendentes, de todos coñecidos; unha oportunidade moi real para facer política de verdade, lonxe dos rebumbios e lixeirezas a que estamos acostumados; unha oportunidade, ao cabo, para dar dignidade á acción política.
En canto a esas graves cuestións, que penso que están na mente de todos, un ten a impresión de que para nada lle importan ás dereitas de hoxe. A un gustaríalle que parello rebumbio ao que arman con Cataluña, as mesmas enerxías as destinasen aos problemas das pensións, da pobreza, das preocupantes desigualdades, do paro e tantos outros que tan en lardo vivo padece a nosa sociedade. Pola contra, todo indica que o caso catalán é de grande utilidade para non facer referencia esas cuestións.
Precísase para esta política dunha verdadeira democracia: todos teñen que cambiar para que a acción política volva á realidade con azos e cobiza de ser útil á sociedade e non só para beneficio do partido, calquera que sexa, ou para asegurar a cadeira aos que a ocupan ou se propoñen ocupala.
Nós pensamos que moita xente de dereitas está desexando que se vaia esquecendo o populismo a que se teñen apuntado os seus partidos e que se vaia facendo política de verdade, atendendo a eses e outros problemas, pois xa vai sendo hora de demostrar utilidade para o país. O rebumbio oco chega a cansar.
¿Non axudaría á credibilidade das dereitas, nesta hora, que realmente cambiase o rebumbio polo tratamento político das cuestións, que deixase a unha beira a súa linguaxe alporizada e optase polo sosego en procura de propostas que melloren as do Goberno, ou que fagan outras? ¿Ou é que non estamos preparados para esa oposición?