As cegoñas volven aniñar na vila de Lalín

Daniel González Alén LALÍN

LALÍN

Daniel González Alén

Unha parella construíu esta tempada por primeira vez o seu niño en Carragoso

27 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As cegoñas están en Lalín, no lugar de Carragoso, mesmo no lindeiro coas terras da parroquia de Xaxán, a pe da estrada que vai de Lalín a Vila de Cruces. Estes días de primavera están a chocar os ovos no niño que fixeron na cima dun poste da luz, sen inmutarse ao paso do moitos vehículos que por aquí transitan e nin sequera pola presenza dun par de operarios dunha empresa de electricidade que días pasados subían ao poste cunha escada para arranxar un corte no fluído eléctrico, causado pola borrasca Martinho.

Hai un lustro, unha parella fixera o seu niño no casco urbano de Lalín, nun guindastre fora de servizo que fora instalado para a construción dun edificio na Corredoira, mais cando a desmontaron estragaron o niño e as cegoñas buscaron outro emprazamento. No municipio de Lalín hai, dende fai un par de anos, outro niño de cegoñas no campanario da igrexa románica de Goiás e nos seis concellos de Deza temos contado unha vintena deles, máis da metade no val do Toxa en Silleda, media ducia nas de Camba e un en cada seu, nos concellos de Agolada e Vila de Cruces.

Niños de cegoña nos cascos urbanos das vilas dezás poden ollarse nunha palmeira no lugar de Campo en Silleda, nun carballo preto do cemiterio de Rodeiro e nun guindastre no de Vila de Cruces, senón desapareceu xa.

O censo de cegoñas no Deza, segue medrando sen parar, dende que nos anos 70 do pasado século, ollaramos o primeiro en Cercio e logo outro en Escuadro e así ata o de agora, en que contamos ata corenta aves que aniñan nestas terras e poida que os nosos amigos e paisanos, saiban dalgún niño máis.