Un gran amigo meu ten unha gorra que utiliza nos campamentos que pon «Hai que estar». É unha expresión que utilizan no gremio para expresar esforzo, dedicación e, ao mesmo tempo, presenza física.
Dentro dos acordos de investidura no Estado, o BNG esixiu bonificacións para a autoestrada AP-53, sabendo que o obxectivo irrenunciable final é que esta autoestrada sexa galega e libre de peaxe.
A veciñanza de Lalín podemos comprobar perfectamente que existen dúas maneiras de facer política. Levamos máis de vinte anos padecendo a peaxe máis cara do estado español, por obra e graza do Partido Popular, coa concesión máis longa posible e co beneplácito dos distintos gobernos do PSOE que mantiveron tamén esta situación tan lesiva para os intereses da nosa cidadanía. Sen embargo, se imos cara a Ourense, temos unha autoestrada galega libre de peaxe levada a cabo polo bipartito do goberno galego no que estaba o BNG no período 2005-2009.
Agora vaise dar o primeiro paso histórico para ter bonificacións na peaxe. Unhas bonificacións tan importantes que chegan até o 75 % para usuarios habituais ou o 50 % para os que fagan o traxecto de ida e volta en 24 horas. Non falamos de poucos cartos, un aforro anual que pode ser superior aos 2.500 euros aos vehículos lixeiros ou máis de 6.700 euros aos pesados. Este é un primeiro paso que se logra porque o BNG está, porque Néstor Rego está, porque Carme da Silva está, e sobre todo polo traballo firme e desinteresado de moita militancia que leva, ao longo de máis de dúas décadas loitando e dando o mellor de si, sabendo que as batallas ás inxustizas e aos agravios se gañan con firmeza e pelexándoas todas as veces que sexa preciso para gañalas.
Comprobado que se o BNG está, Galiza está; que o voto ao BNG é un voto útil sempre. Por iso, agora máis que nunca facemos noso o lema do campamento:
«Hai que estar».